A rehabilitación de Santa Clara e recuperar a Bienal, principais retos de Domínguez no Museo de cara o 2025

PONTEVEDRA> A piques de cumprir un ano de goberno, continúan os balances na Deputación de Pontevedra. Onte foi o seu presidente, Luis López. Hoxe foi a quenda do vicepresidente. Rafa Domínguez resumiu as actuacións principais realizadas nas súas áreas de responsabilidade. Puxo o foco nos avances na rehabilitación de Santa Clara e no proxecto dos edificios centrais, na recuperación da Bienal e nos cambios na dirección do Museo de Pontevedra apostando, dixo, pola súa modernización.

Quenda de facer balance do primeiro ano de mandato para Rafa Domínguez. O vicepresidente provincial leva este tempo á fronte do Museo de Pontevedra e non dubida ao sinalar unha das súas principais apostas: modificar o proxecto de rehabilitación de Santa Clara.

Outro dos fitos da súa xestión, segundo Domínguez, foi mudar a dirección do Museo. Incorporou a Ángeles Tilve como directora e a Cruz Farto como directora de xestión.

Sobre o Museo, explicou que se realizaron melloras na accesibilidade e dixitalización. Tamén nos contidos. De feito, a semana que vén inaugurarase unha mostra que, segundo Domínguez, será a máis importante dos últimos 20 anos en Pontevedra: ‘A era das fábulas’.

A recuperación da Bienal de Arte de Pontevedra é o último reto sinalado polo vicepresidente. A cita celebrarase en 2025 despois de 15 anos de ausencia, co título ‘Volver ser humanos… ante a dor dos demais’.

A boa relación co concello de Pontevedra, os avances na rehabilitación dos edificios centrais do Museo ou a posta en marcha dunha nova escavación no xacemento da Lanzada, son outras das cuestións que destacou Domínguez da súa xestión neste ano de mandato.