A praga do picudo nas palmeiras avanza imparable: afecta xa ao Salnés e ao Barbanza

SANXENXO> A praga do picudo vermello que afecta ás palmeiras está, nesta época do ano, no seu momento máis crítico. O  ciclo reprodutivo desta especie rematou, o que incrementa o número de larvas que comen as palmeiras. Os expertos advirten que, sen tratamento, os exemplares desta especie están condenados a desaparecer.

Se vostede ten unha palmeira no xardín e preto dela atopan un becho destes, non o deixen escapar: é o picudo vermello. A praga que afecta á meirande parte dos concellos do Salnés chegou, a estas alturas do ano, ó seu momento máis crítico. O seu ciclo reprodutivo rematou, o que se traduce nun maior número de exemplares ansiosos por devora-las palmeiras. A praga, que ata hai ben pouco, concentrábase na zona do Salnés, foi expandíndose polo resto da xeografía. Xa se detectaron casos en zonas do Barbanza e mesmo na Coruña.

O problema ten fácil solución: trata-las palmeiras infectadas ou actuar de xeito preventivo nas que aínda están limpas para salvalas. Aquelas que non reciben tratamento convértense nos niños de futuras colonias de picudos.

Outra técnica para erradica-lo picudo pasa pola instalación destas trampas. Están cheas de feromonas, que atraen ós insectos ata que caen no seu interior. Concellos como Sanxenxo, ademais de aplicar tratamentos sobre as súas palmeiras, están a instalar xa trampas de captura masiva.