PORTAS> Todo listo en Portas para vivir a súa fin de semana máis internacional do ano. A Azucreira vivirá un cheo absoluto do 4 ao 6 de xullo co gallo do festival Portamérica. Hai xa dúas semanas que a cita colgou o cartel de ‘non quedan entradas’, confirmando o éxito dunha proposta que mestura música e gastronomía.
O xoves, nomes propios do panorama musical como Vetusta Morla, Xoel López ou Carlos Sadness serán os encargados de prender a mecha da edición deste ano. O venres día 5 tomarán o relevo Aitana, Luz Casal, The Rapants ou León Benavente. Pola súa banda, Juanes, Arde Bogotá ou El Columpio Asesino formarán parte do cartel para o sábado 6, fin de festa.
De xeito paralelo á oferta musical, os asistentes poderán gozar dunha ampla proposta gastronómica no marco do Show Rocking. O público terá acceso ás creacións dunha trintena de chefs coñecidos a nivel nacional e internacional, dirixidos por Pepe Solla. Os cociñeiros prepararán 66 pinchos salgados e doces durante os tres días de festival.
A organización calcula que se servirán uns 20.000 pinchos durante todo o PortAmérica, asinados por figuras como Javi Olleros, Diego Guerrero, Begoña Rodrigo ou Fabián Delgado.











