O GDR Salnés-Ulla-Umia mobiliza un millón de euros para o impulso de proxectos que dinamicen o rural

SALNÉS/ULLA/UMIA> Ata o vindeiro seis de abril está aberta a nova convocatoria de axudas Leader que xestiona o GDR Salnés-Ulla-Umia. Poden optar a estes fondos proxectos que favorezan o desenvolvemento de zonas rurais, que fomenten o asentamento de poboación ou xeren postos de traballo. Destes fondos pódense beneficiar empresas e autónomos, pero tamén asociacións, comunidades de montes e os propios concellos. A gran novidade desta edición é que a convocatoria pasou de  dúas a tres anualidades.

O programa Leader, que busca favorecer o desenvolvemento de zonas rurais, tes aberta unha nova convocatoria. Estes fondos que xestiona o GDR Salnés-Ulla-Umia poderanse solicitar ata o seis de abril.

Esta convocatoria está aberta para empresas de calquera tamaño, autónomos e tamén asociacións, comunidades de montes ou concellos. Ao abeiro destas axudas pódense impulsar proxectos de distinto tipo que favorezan o asentamento poboacional en zonas do rural ou a creación e mantemento de novos postos de traballo.

Dende o GDR distinguen entre iniciativas produtivas e non produtivas. As primeiras son aquelas que implican unha actividade económica dentro do ámbito de actuación do grupo de desenvolvemento rural.

Dentro dos non produtivos inclúense as partidas para asociacións e comunidades de montes. Tamén as iniciativas impulsadas polos propios concellos.

Nesta convocatoria 2026-2028 o GDR vai xestionar un millón de euros. As actividades produtivas poden recibir un máximo de 100.000 euros de axuda e os non produtivos 30.000.

Toda a información está dispoñible na páxina web do grupo de desenvolvemento rural: gdrsalnesullaumia.com.