As obras do Nó de Bombeiros comezarán o 15 de xullo

PONTEVEDRA> A reforma do nó de bombeiros, en Pontevedra, comezará o vindeiro 15 de xullo. Os traballos arrancarán con varias actuacións para as que non será preciso cortar o tráfico na zona. De feito, non está previsto que as obras afecten á circulación ata despois do verán. Nun primeiro momento, a intervención centrarase en acumular materiais e recheos nas zona próxima ao parque canino da Xunqueira de Alba.

Segundo explicou o edil de ordenación do territorio, estes primeiros pasos irán en paralelo aos axustes qeu sufrirá o proxecto, principalmente en materia de cimentación. César Mosquera lembrou que unha vez cheguen os cortes de tráfico, o concello contará cun plan especial baseado no de obra que o Estado ofreza, con punto crítico na ruptura que se deberá facer da rotonda norte da Ponte das Correntes.

Neste momento, Mosquera entende que a circulación deberá ser desviada cara o sur da cidade empregando a autoestrada como principal vía de acceso, aínda que confía en que as obras poidan compatibilizarse co uso dos viais actuais.

Nesta reforma do nó de bombeiros o Goberno do Estado investirá 9,55 millóns de euros.