O PP reclama a Ravella uns orzamentos ‘realistas’ e presenta 80 propostas

VILAGARCÍA> O Partido Popular de Vilagarcía presenta 80 propostas para que se inclúan nos orzamentos do concello para este ano. A formación recupera moitas das ideas que levaba en campaña, coas parroquias, o emprego, o deporte e o turismo como eixos. Critican ademais que no mes de xullo o goberno local aínda non fora quen de elaborar as contas para este 2024 e reclaman que sexan uns orzamentos realistas.

Parroquias, emprego, deporte e turismo son eixos que articulan as achegas do Partido Popular de Vilagarcía aos orzamentos municipais. Ao redor de 80 propostas que a formación xa rexistrou o luns no concello.

Segundo Granja, moitas destas propostas xa estaban no programa electoral do PP e recollían reclamacións da veciñanza vilagarciá. No referente ás parroquias reclaman, por exemplo, que o saneamento chegue a todo o rural. En materia de emprego volven propoñer a creación dunha oficina que actúe como punto de orientación ás pemes sobre os trámites e as axudas que poden recibir de todas as administracións, entre outras medidas.

O que piden os populares é que o goberno local atenda as súas propostas. Aínda que sospeitan, segundo dixo Granja, que os orzamentos xa están pactados entre BNG e PSOE.

A mellora dos pavillóns e a posta en marcha do proxecto para o pavillón de Bamio, son algunhas das medidas que recollen no eixo de promoción do deporte. En canto ao turismo, apostan por fomentar alternativas ás praias, como a recuperación dos muíños de Bamio e da Coca e a posta en valor dos restos arqueolóxicos do Castro Alobre.