O PSdeG, sobre o primeiro ano do PP á fronte da Deputación: un ano perdido e marcado pola parálise

PONTEVEDRA> Nova xornada de valoracións na Deputación de Pontevedra pero desta volta dende a oposición. Os deputados do Partido Socialista criticaron o primeiro ano de mandato do Partido Popular. Consideran que foi un ano perdido, marcado pola parálise, a falta de transparencia e a deslealdade institucional.

A visión dos deputados do Partido Socialista do primeiro ano de mandato do PP na Deputación de Pontevedra é ben diferente á ofrecida estes días polos populares.

Segundo a súa voceira, este ano estivo marcado pola falta de iniciativas propias do goberno que encabeza Luis López, ao que acusou de falta de autoridade.

Iglesias falou tamén de recortes nas áreas sociais, igualdade ou memoria histórica, de censura, ou da polémica levantada pola xestión das entradas para o partido da selección feminina en Pontevedra.

Os socialistas acusaron tamén a López de falta de lealdade institucional así como de partidismo á hora de reunirse cos alcaldes, priorizando os encontros cos rexedores do Partido Popular.