O Teatro Principal de Pontevedra permanecerá pechado, como mínimo, ata despois do verán

PONTEVEDRA> Pontevedra estará sen Teatro Principal ata, como pronto, despois do verán. Tralo susto desta fin de semana provocado polo desprendemento do falso teito, que o goberno local atribúe a un defecto construtivo, o concello ten previsto retirar toda a escaiola para comprobar o seu estado e garantir a seguridade dos usuarios. Polo de momento, gran parte da actividade cultural que estaba programada trasladarase ao Pazo da Cultura.

Un defecto construtivo está detrás da caída do falso teito do Teatro Principal de Pontevedra. É á conclusión á que chegou o concello despois de realizar diferentes inspeccións técnicas.

Segundo explicou Gómez, as pezas de escaiola deberían contar con reforzos de esparto e puntas atravesadas para asegurar a suxeición entre a propia peza e o tirante de madeira. Pero ao desprenderse descubriuse que algunhas carecían destes elementos.

Esta situación obrigará a pechar o Teatro ata, alomenos, despois do verán. A intención do concello é contratar os traballos pola vía de urxencia.

Agora o goberno local traballa para reorganizar a axenda cultural que se desenvolve no Teatro. Moitas destas actividades celebraranse finalmente no Pazo da Cultura, como a obra ‘Os dous de sempre’, o concerto de Bobby Martínez do Seminario Permanente de Jazz ou o monólogo de Carlos Blanco. Así as cousas, outras propostas xa tiveron que ser canceladas.

De xeito paralelo a esta actuación, está previsto que a empresa encargada da impermeabilización da terraza cara a rúa Charino avance nos traballos. Algo que non puido facer ata o momento polas intensas chuvias do inverno.