PONTEVEDRA> Os traballadores das oficinas de ENCE reclaman á Audiencia Nacional que faga público o seu fallo sobre a prórroga da factoría. O seu comité de empresa denunciaron esta mañá a situación de incertidume na que están a vivir. Ao mesmo tempo, pedían tanto aos traballadores como á veciñanza que asista á manifestación convocada para este venres. E é que dende a sección sindical de Comisións Obreiras insisten: a alternativa á continuidade en Lourizán é o peche da factoría.
Os traballadores de ENCE agardan con preocupación e incertidume que se coñeza o fallo da Audiencia Nacional que marcará o futuro da pasteira. Hoxe o comité de empresa das oficinas da factoría pediu que o fallo se faga público.
Mentres agardan, a sección sindical de Comisións Obreiras mantén a manifestación convocada para este venres. Será ás 20.00 horas partindo da rúa Rafael Areses.
Esta mobilización non conta co apoio do comité de empresa dos traballadores da fábrica, con maioría do sindicato CIG. Eles si que estarían a favor do traslado da factoría a outro punto da comarca, algo que os representantes de Comisións Obreiras ven inviable, como recolle o informe da consultora presentado por ENCE esta fin de semana.
O comité de oficinas reiterou tamén as súas críticas contra a Mesa de Diálogo convocada pola ministra para a Transición Ecolóxica. Insisten en que foi unha manobra do goberno para influír na Audiencia Nacional.