O PP de Pontevedra pide ao Concello que destine o 10% dos orzamentos de 2021 para gasto social

PONTEVEDRA> O PP de Pontevedra pide ao Concello que destine o 10% dos orzamentos de 2021 para gasto social. A proposta foi presentada hoxe en rolda de prensa e será debatida no vindeiro Pleno municipal. En total, 13 medidas coas que se pretende axudar aos colectivos máis vulnerables da cidade.

Segundo un estudo da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, Pontevedra destina a gasto social 44 euros por habitante. Unha cifra que sitúa a cidade do Lérez como un dos municipios españois con menor gasto social.

A edil Silvia Junco presentou hoxe un Plan de Compromiso Social dividido en 13 propostas. Ademais de reforzar o persoal da área de Servizos Sociais e incrementar a partida orzamentaria con entidades sociais, os populares pediron tamén aumentar o convenio coa FANPA e crear unha rede de voluntariado.

No Plan de Compromiso Social destaca tamén a proposta de duplicar a partida orzamentaria de axuda de emerxencia social ata os 180.000 euros. Ademais, os populares pedirán tamén no Pleno a creación dun Plan de continxencia para financiar gastos derivados da Covid así como aumentar as partidas de Servizo de Axuda no Fogar e Teleasistencia domiciliaria. Silvia Junco fixo tamén fincapé na importancia de crear unha liña de axudas para reducir a factura enerxética.

Outro dos puntos máis significativos deste Plan ten que ver coa posta en funcionamento dun piso de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero.

En último lugar, a edil popular propuxo tamén poñer en marcha un plan local de emprego, con talleres dirixidos a persoas desempregadas de longa duración, á poboación maior de 45 anos e aos menores de 30.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí