O PP propón dar máis ferramentas á Policía Local para erradicar o consumo de alcohol na rúa

PONTEVEDRA> As queixas polo incremento da inseguridade en Pontevedra volverán ao vindeiro pleno da corporación. O Partido Popular presentará unha moción con propostas para intentar atallar esta situación. Segundo Rafa Domínguez, ten varias patas. A central pasa por modificar a Ordenanza Reguladora da Protección da Convivencia Cidadá para dotar a Policía Local dos recursos necesarios para erradicar o consumo de alcohol e drogas na rúa.

Modificar a ordenanza municipal reguladora da protección da convivencia cidadá. É unha das medidas que recolle o Partido Popular na moción que levará ao vindeiro pleno con propostas para solucionar o incremento da inseguridade en Pontevedra.

Os populares demandan ao alcalde da cidade que se reúna cos veciños e comerciantes das tres zonas máis afectadas por esta situación, como son a Ferrería, a Oliva e Campolongo. Tamén que manteña un encontro coa Policía Local para dotalos de máis recursos humanos e materiais e que se reforcen os servizos sociais.

Domínguez acusou a Fernández Lores de inacción ante esta situación e de restar importancia á problemática que denuncian os veciños.

Ademais, o PP apoiará a recollida de sinaturas que iniciaron veciños e comerciantes hai varias semanas.