Os condutores de Ribeira volverán procesionar na honra de San Cristovo

RIBEIRA> Os ribeirenses volverán honrar este domingo a San Cristovo con diversos actos entre os que destaca a procesión de vehículos. Dende o concello chaman ós condutores a participar engalanando os coches para a ocasión.

Ás dez da mañá dará comezo a celebración do San Cristovo coa concentración dos automóbiles na explanada do Malecón. A continuación terá lugar un pasarrúas que dará paso á misa en lembranza dos falecidos en accidentes de tráfico.

Trala misa terá lugar a bendición dos vehículos e a posterior procesión polo casco urbano de Ribeira.

Dende Alfaia, asociación que promoveu a recuperación da celebración do San Cristovo, agradeceron a colaboración de tódolos condutores que se suman á procesión, especialmente ó Motoclub Os Reventapistóns que sempre participan facendo máis vistoso o percorrido.