A primeira fase das obras da contorna da praza de abastos de Sanxenxo estará rematada en outubro

SANXENXO> Nova visita da Conselleira de Infraestruturas ao concello de Sanxenxo. Desta volta, María Martínez comprobou o avance das obras de humanización e mellora da mobilidade que se están a desenvolver na contorna da praza de abastos. A actuación conta cun investimento de 2,3 millóns de euros c contempla, entre outras medidas, o soterramento do tráfico na rúa Madrid. A primeira fase da intervención, calculan, estará rematada a principios de outubro.

Avanzan a bo ritmo as obras que están a transformar a contorna da praza de abastos de Sanxenxo. Tanto é así que se calcula que a primeira fase dos traballos estará concluída a principios de outubro. Permitirá a creación dunha gran praza pública e un paso inferior que servirá como vía de saída e dotará a zona con 32 aparcadoiros soterrados.

Hoxe o alcalde visitou os traballos en compañía da conselleira de Infraestruturas. A obra está a ser cofinanciada entre as dúas administracións: o executivo galego achega un millón de euros, mentres que o concello asume algo máis de 1,3 millóns.

A segunda fase centrarase na construción dun edificio multifuncional acristalado de cinco plantas. A primeira e a segunda estará ocupadas polo mercado de abastos e un espazo gastronómico. As intermedias, dedicaranse á biblioteca municipal e aulas de estudo, servizos sociais e muller. A quinta está pensada como espazo gourmet cunha ampla terraza.

Recordemos que o proxecto que se está a executar foi o gañador dun concurso de ideas convocado polo concello.