Cafés solidarios en Sanxenxo para apoiar ao Banco de Alimentos Rías Baixas

SANXENXO> A deste luns foi unha xornada moi solidaria na Panadería Paco, en Sanxenxo. Tódolos cafés que se venderon esta mañá convertesanse en axuda para o Banco de Alimentos. Na última edición desta iniciativa, hai agora un mes, conseguiron xuntar cartos para doarlle a esta entidade 100 litros de aceite. Pero o bo facer desta panadería vai máis alá: a finais deste mes xa van poñer en marcha unha campaña de recollida de xoguetes para o Nadal.

Nesta panadería de Sanxenxo, os cafés do primeiro luns de cada mes son diferentes. O seu prezo mídese en solidariedade porque o que se recada con eles serve para mercar alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos Rías Baixas

Chámanlle “Luns solidario” e naceu hai uns meses polas inquedanzas de Fernando e do resto de empregados. Hoxe animaban á clientela a toma-lo café solidario, co obxectivo de supera-lo éxito da última recadación de hai un mes.

Hoxe agardaba con acadar ese obxetivo dos 90 cafés para conseguir uns 150 euros. Unha vez superado ese chanzo, Fernando contacta co Banco de Alimentos e pregunta que é o que precisan neste momento.

E de paso, Fernando e o resto do equipo convidan a reflexionar sobre as necesidades que poden ter moitas familias na vila… e a non mirar para outro lado.

As iniciativas solidarias deste establecemento non quedan aquí. A partir do 24 de novembro van poñer en marcha unha recollida de xoguetes para o Nadal.

Esta recollida xa a puxeron en marcha no pasado Nadal, superando os 80 xoguetes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí