RIBEIRA> Sensación agridoce en Ribeira onde á satisfacción polo rescate de tres veciños súmase a dor por un cuarto tripulante da localidade que permanece desaparecido. Xunto con el, aínda non puideron ser localizados outros tres mariñeiros, un deles natural de Noia.
Tras unha espera agónica, os familiares de José Saborido, Ramón Hombre e Ramón García recibían a confirmación de que estes tres ribeirenses se atopaban entre os superviventes. Puideron falar con eles por teléfono e, aínda que moi brevemente, esa chamada supuxo o alivio tras horas de incerteza nas que as informacións chegaban de xeito moi confuso.
Non foi o caso de Juan Antonio García Rey, o outro ribeirense que viaxaba a bordo do palangreiro e que permanece aínda desaparecido. A casualidade fixo que a nova da súa desaparición coincidise coa festa da Dorna, na que cada ano se implicaba activamente. A Confraría da Dorna emitiu un comunicado de solidariedade e a peña da que formaba parte suspendeu os actos que organizaba neste día festivo.
Xunto con Juan García, máis coñecido como Pichón, permanecen desaparecidos outros tres mariñeiros. Un deles, Antonio Barreiro, é natural de Noia onde esta mañá os veciños espertaban con esta dura nova tras confirmarse que non se atopa entre os membros da tripulación rescatados.











