NOIA> O consistorio noiés foi o escenario escollido para a presentación dunha nova edición da andaina solidaria en favor da asociación Misela que organiza o Club Trabandainas en colaboración co Concello.
A cita será este vindeiro domingo 24 de novembro, con saída ás dez da mañá dende a alameda.
Dende a organización animaron a participar na andaina, de preto de doce quilómetros de percorrido, cun perfil medio-baixo.
Dende o Concello, que volve a colaborar con esta andaina, destacaron a importancia deste tipo de iniciativas cun carácter solidario, xa que todo o recadado na proba irá a parar á Misela, unha entidade sen ánimo de lucro que axuda ás persoas con algún tipo de diversidade funcional.
As inscricións para poder participar na proba están aínda abertas, podéndose realizar ata este xoves a través da propia páxina de trabandainas ou a través de Cronocheck.
O seu custe será de cinco euros, aínda que os que o desexen poderán realizar unha aportación maior.
A organización agarda superar a cifras de participación da edición anterior e achegarse ós cincocentos asistentes.






