Os superviventes do Argos Georgia xa están na casa mentres segue a busca dos 4 desaparecidos

RIBEIRA> Este domingo a mediodía aterraba en Lavacolla o avión fretado por Defensa cos superviventes do Argos Georgia. Dous deles, veciños de Ribeira, tiveron que ser evacuados en ambulancia ata o Hospital Clínico aínda que as lesións que presentaban son de carácter leve.

Xa están na casa os superviventes do naufraxio do Argos Georgia. O avión fretado polo Ministerio de Defensa aterraba onte a mediodía no aeródromo militar de Lavacolla. Alí, os 14 tripulantes que conseguiron ser rescatados con vida foron recibidos polo delegado do goberno en Galicia e a subdelegada na Coruña,  así como o presidente da Xunta e o Conselleiro do Mar.

Tamén se desprazou a darlle-la benvida o alcalde de Ribeira, de onde son tres dos superviventes. Nada máis tomar terra, dous deles tiveron que ser evacuados ó hospital para valorar o seu estado. O capitán, José Saborido, por unha suba de tensión mentres que o primeiro oficial, José Ramón Hombre, ten unha vértebra afectada.

Trátase de lesións que non revisten gravidade; máis difíciles de superar serán as secuelas psicolóxicas tras pasar por esta experiencia tan traumática na que faleceron 9 compañeiros e outros 4, dous deles veciños de Ribeira e Noia, permanecen desaparecidos.

Mentres tanto, en Malvinas retomouse o operativo de busca para dar cos desaparecidos. Dende o concello de Ribeira piden que se manteña a pesar do mal tempo para dar descanso ás familias que aínda non recuperaron ós seus seres queridos.