Noia, orgullosa de Caetano Horta a pesar de non clasificarse para a final olímpica

NOIA> Non puido ser. O noiés Caetano Horta non logrou clasificarse para a final de remo nos Xogos Olímpicos. Xunto co seu compañeiro Dennis Carracedo quedaron cuartos nas semifinais disputadas esta mañá en París. Aínda así, os seus veciños que seguiron a proba dende o Coliseo Noela, amosáronse moi contentos e orgullosos do papel do remeiro nestas Olimpíadas.

Nervios e moita emoción. Así viviron os noieses a semifinal de Dobre Scull Lixeiro na que participaba o seu veciño Caetano Horta. Aínda que comezaron a regata con moita forza, chegando a poñerse en segunda posición, o equipo español acabou cuarto sen lograr clasificarse para a final.

Aínda así, os noieses que seguiron a proba dende unha pantalla xigante no Coliseo Noela, acabaron con moi boas sensacións polo gran papel de Caetano Horta nestes Xogos Olímpicos. Entre eles, os seus avós que se amosaron moi orgullosos do seu neto e do gran cariño e admiración que esperta no seu pobo.

Tralo peche da participación de Caetano Horta nestas Olimpíadas, o próximo venres cando disputará a final B, aínda quedan opcións para que Noia acade unha medalla. Outro veciño, Tariku Novales, disputará a proba do maratón o próximo 10 de agosto.