PORTO DO SON> O Real Club Náutico de Portosín acolleu este mediodía a presentación da Regata Mar de Fisterra-Trofeo Pitusa Sabín. A proba, a máis lonxeva do club sonense, desenvolverase a fin de semana do 10 e 11 de agosto. A cita será ademais valedeira para o Trofeo Presidente Xunta de Galicia.
A regata Mar de Fisterra –Trofeo Pitusa Sabín cumpre este ano 36 edicións, converténdose na máis lonxeva das que organiza o Real Club Náutico de Portosín e por extensión das que se celebran en toda Galicia. Nela prevese a participación de ó redor dunhas 30 embarcacións chegadas dende diferentes clubs de toda Galicia. A proba será ademais este ano puntuable para o Trofeo Presidente Xunta de Galicia.
Dende hai dez anos conta co patrocinio do matrimonio formado por Pitusa Sabín e Jacinto Hernández,que exercen como mecenas desta regata.
A presentación contou ademais coa presenza do concelleiro de Deportes, Carlos Lorenzo que fixo alusión á importancia de poder acoller este tipo de probas, que se converten nun polo de atracción de atracción turística para a localidade.











