Éxito na apertura da Feira Viamare Stocks en Ribeira

RIBEIRA> A Feira Viamare Stocks de Ribeira abriu hoxe as súas portas. Cúmprense xa dezanove edicións.

Co paso dos anos a feira de oportunidades converteuse nunha cita obrigada para veciños e visitantes, que aproveitan os grandes descontos existentes para facer as súas compras.

Na edición deste ano participan un total de 23 establecementos. na súa maioría son tendas de roupa, de deportes, de calzado ou de complementos.

A apertura da feira programouse para a unha do mediodía. O acto oficial estivo presidido polo alcalde, Luís Pérez Barral, e o presidente da patronal local, Francisco Martínez. Os dous animaron á veciñanza a visitar a carpa instalada no Malecón e apoiar deste xeito ó comercio local.

A decoración da feira corre un ano máis a cargo do centro de día Agadea.

Viamare Stocks estará aberta durante toda a fin de semana, con horario practicamente ininterrompido de once da mañá a dez da noite.