O Mirfak faise coa 36 edición da Regata Mar de Fisterra-Trofeo Pitusa Sabín

PORTO DO SON> Un total de 40 embarcacións tomaron parte esta pasada fin de semana 36 edición da Regata Mar de Fisterra-Trofeo Pitusa Sabín que organiza o Real Club Náutico de Portosín en colaboración coa Federación Galega de Vela.

A alta participación na proba responde tamén á importancia da cita ó ser puntuable para para o Trofeo Presidente Xunta de Galicia, para a Copa de Galicia de Clubs, e Clasificatoria Galega para o próximo Campionato de España de Cruceiros, Circuíto Alto Nivel.

A vitoria final na División dos ORC 0-3, foi para o Mirfak, a priori un dos favoritos.

O barco patroneado por Diego López, pertencente á Armada Española fói tamén o vencedor da xeral. Por detrás del nesta División quedaron o Urbapaz, de Fran Edreira, e o Embora, de Antonio Bustos.

En canto á clasificación dos ORC 4-5, a vitoria  foi para o Just Spoko de Magdalena Zcernik. A segunda praza foi para o Marina Meira, de Vicente Cid, e en terceira posición quedou o Golafre II, de Benito Calvo.

Na clase Open, o trunfo foi para o Escora, de Miguel Reboreda; segundo foi o Montaraz, de José Carlos Costas e terceiro o Totem de Felipe Calle.

A entrega de premios, como é habitual desenvolveuse nas instalacións do club sonense coa presenza das distintas autoridades entre as que se atopaban o propio presidente da entidade, Jorge Arán; o edil de Deportes, Carlos Lorenzo; ou o xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel.

Tampouco faltaron os principais patrocinadores da Regata, o matrimonio formado por Pitusa Sabín e Jacinto Hernández, que co seu apoio fan posible que a proba poida disputarse.