PORTO DO SON> O xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar visitou esta mañá as instalación da escola infantil de Porto do Son, onde se están a acometer unha serie de melloras de cara ó inminente inicio do curso. Alí anunciou tamén a inversión prevista no centro de día da localidade para dotalo dun peche exterior.
Recollendo as demandas de traballadores e familias dos alumnos da Galiña Azul de Porto do Son, o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar está a acometer unha serie de melloras nas instalacións da escola infantil de cara ó inicio do próximo curso previsto para o día 6 de setembro. A actuación centrouse principalmente no cambio do chan do patio interior no que se está a instalar céspede artificial.
Durante a súa visita a Porto do Son, o xerente anunciou tamén a sinatura dun convenio para acometer o peche do perímetro do centro de día, permitindo así que os usuarios fagan uso das instalacións exteriores. O importe desta actuación ascende a 50 mil euros.