Unha Lei do Viño de Galiza e os contratos homologados, demandas do BNG para o sector vitivinícola

CAMBADOS> Unha Lei do Viño e contratos homologados para dar estabilidade ao sector vitivinícola e conseguir mellores prezos. Son dúas das medidas incluídas na batería de iniciativas que o BNG trasladará ao Parlamento de Galicia. Ana Pontón visitou esta mañá a adega Martín Códax, mergullada de cheo na campaña da vendima.

O BNG levará ao Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas para mellorar as condicións do sector vitivinícola galego. Entre as medidas propostas figura a elaboración dunha Lei do Viño de Galiza.

Pontón visitou esta mañá a adega Martín Códax, mergullada na campaña da vendima. Dende un dos seus viñedos destacou outra das accións que queren impulsar os nacionalistas: o establecemento de contratos homologados para dar garantías e asegurar prezos.

A voceira nacionalista destacou o bo momento que está a atravesar a Denominación de Orixe Rías Baixas. Unha situación que contrapuxo á que viven outras DOs, sobre todo as centradas nos viños tintos. Cos mercados á baixa, están a padecer numerosas dificultades ante as que, asegurou Pontón, a Xunta non está a actuar.

Dende o BNG destacaron o papel do sector vitivinícola como eido estratéxico para Galicia. Non só pola riqueza económica, senón tamén pola protección do territorio e polas oportunidades que se crean ao seu redor.