CAMBADOS> A estratexia turística do norte de España decídese en Cambados. O Pazo de Fefiñáns acolleu esta mañá unha xuntanza entre Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi para trazar a súa estratexia común de promoción do turismo verde. Sobre a mesa, entre ourtros asuntos, o desenvolvemento do denominado Corredor do Ecoturismo. Este encontro, por certo, abriu tamén unha fenda entre a Xunta e o goberno local de Cambados. Ao alcalde, que non fora convidado, quixo sumarse hoxe á xuntanza, pero non lle permitiron a entrada.
Galicia, Astuarias, Cantabria e Euskadi unen as súas forzas para o impulso da España Verde, a marca turística máis antiga que hai no Estado e que busca situar o norte peninsular con un destino único e diferente.
Este ano, a comunidade que lidera o proxecto é Galicia. A Xunta convocou en Cambados aos representantes das outras tres comunidades e a Turespaña, que tamén forma parte do proxecto. O escenario elixido foi o Pazo de Fefiñáns.
Este proxecto está a espertar o interese de 300 empresas relacionadas co ecoturismo, máis dun cento delas galegas.
O encontro serviu tamén para a preparar unha das citas máis importantes que ten a marca España Verde no máis inmediato: unha presentación no Porto.
A este encontro non foi convidado o alcalde do municipio anfitrión. Con todo Samuel Lago quixo sumarse hoxe ao encontro. Achegouse ata o Pazo de Fefiñáns, pero non lle permitiron a entrada.
O rexedor apunta que este xesto é semellante a outro acontecido hai uns días, cando o Concello cambadés tampouco foi convidado a un acto organizado pola Deputación de Pontevedra na vila. Sospeita Samuel Lago que esta podería ser unha estratexia do PP que, ao seu parecer, o único que demostra, di, é unha deslealdade institucional ‘absoluta’.