A previsión de chuvia para mañá fai variar o arranque das festa do Carme do castelo

A POBRA> A Pobra celebra esta vindeira fin de semana as festas do Carme do Castelo. A comisión de festas, en colaboración co Concello, deseñou un amplo abano de actividades, nas que ademais dos actos relixiosos, primarán tamén o aspecto lúdico e cultural.

Mañá venres arrancarán as tradicionais festas do Carme do Castelo. Xunto co Nazareno e o Carme dos Pincheiros, é unha das principais celebracións da época estival neste municipio. Este ano as previsións de chuvia augarán o habitual comezo dos festexos coa tradicional sardiñada na zona da Covecha que se verá suspendida. Aínda así a maioría das actividades manteranse. Precisamente un dos pratos fortes do programa, xunto coa misa solemne na honra da Virxe do Carme o domingo ás sete da tarde na igrexa parroquial do Deán, será o sábado coa sétima edición do Festival Folk na praza Alcalde segundo Durán.

Na organización dos festexos colabora tamén o Concello, non só a nivel loxístico, senón tamén económico, aumentando a contía destinada a este fin.

En caso de chuvia, tódalas actuacións musicais, agás a orquestra que se manterá na praza Alcalde segundo Durán, terán lugar na carpa instalada na praza do Emigrante.