O PP de Ribeira critica a proposta de dedicacións do novo goberno

RIBEIRA> O PP de Ribeira critica a proposta que o novo goberno levará ó pleno de organización. Nela figuran sete dedicacións exclusivas que suporían un custo anual de 272 mil euros, fronte ás tres exclusivas e unha parcial do anterior goberno.

Os populares amosaron a súa absoluta sorpresa e estupefacción ante a proposta de organización do novo goberno de Ribeira que pretende aprobar un total de 7 dedicacións exclusivas. Unha delas, por importe anual de 55 mil euros, sería para alcalde e a segunda de maior contía, 42 mil, para a edil de Facenda Herminia Pouso. O resto das dedicacións, de 35 mil euros cada unha, repartiríanse entre o socialista Francisco Suárez-Puerta, os nacionalistas Xabier Vidal e Antía Alberte, e Vicente Mariño e Tania Redondo do PBBI.

Ademais do incremento do gasto que supón a proposta critican a falla de diálogo coa oposición, por non ter buscado o consenso antes de convocar o pleno nin contemplar tamén ó grupo maioritario como parte da  estrutura organizativa do concello.   

Na anterior corporación, o goberno contaba con tres dedicacións exclusivas e unha parcial cun custo anual de 148 mil euros, que sumados ás asignacións da oposición ascendían a 220 mil. A actual proposta supón un gasto anual 272 mil euros.