Comisións Obreiras anuncia un verán de mobilizacións en Sanxenxo ante o ‘acoso’ ao persoal de Emerxencias

SANXENXO> Comisións Obreiras e persoal do servizo de Emerxencias e Protección Civil de Sanxenxo denuncian acoso laboral no concello. Sinalan directamente ao alcalde, Telmo Martín, ao que acusan de utilizar métodos coercitivos para silenciar as demandas de mellora de medios e seguridade feitas polos traballadores. A pinga que encheu o vaso foi a apertura de varios expedientes disciplinarios por faltas moi graves. O sindicato advirte: se non se retiran, comezarán as mobilizacións. E pensan xa no verán.

A apertura de tres expedientes disciplinarios por faltas moi graves a membros do servizo de Emerxencias e Protección Civil de Sanxenxo é a pinga que enche o vaso para Comisións Obreiras. O sindicato denuncia que son métodos coercitivos para silenciar aos traballadores.

Comisións denuncia carencias de medios e de persoal e incumprimentos en prevención de riscos laborais. Os representantes sindicais aseguran que traballan con equipos de protección individual caducados, que as baixas non se cobren e que as quendas non cumpren as condicións fixadas por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Ante esta situación, o sindicato anunciou mobilizacións. Esixen a retirada das sancións e unha mellora das condicións do servizo. Comezarán coa manifestación do 1 de maio e unha recollida de sinaturas entre o persoal do concello para solidarizarse cos expedientados. Pero xa pensan no verán.

O servizo de Emerxencias conta con 17 traballadores. Actualmente hai cinco de baixa. Catro, segundo din dende Comisións Obreiras, por situacións de acoso laboral.