A Deputación da Coruña apoia ao Club de Remo Puebla con cen mil euros

POBRA> O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, xunto co deputado de Deportes, Antonio Leira, mantiveron un encontro con representantes da xunta directiva do Club de Remo Puebla, para coñecer de primeira man as súas necesidades, tras o devastador incendio que destruíu por completo as súa sede social.

Os dous cargos provinciais trasladáronlle o seu apoio ó Club, que se verá referendado cunha achega económica por valor duns 100 mil euros para renovar as embarcacións e os equipamentos destruídos.

Na xuntanza, na que tamén participou o alcalde, José Carlos Vidal, analizouse tamén a reforma pendente da xa nave queimada, para a que o organismo provincial tiña xa comprometida unha partida económica por importe duns 300 mil euros, e que agora deberá ser reformulada.

Dende o Club agradeceron o apoio do ente provincial, ó tempo que destacaron tamén as numerosas mostras de solidariedade e a axuda que lles está a chegar dende diferentes organismos e entidades, así como outros clubs.

A da Deputación da Coruña non será a única axuda. Noutra xuntanza mantida nas últimas horas pola directiva do Club con representantes da Xunta, neste caso co conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, conseguiron a cesión dunha nova nave para uso de almacén e tarefas deportivas a través dunha autorización administrativa de xeito inmediato.

Dende o Goberno Autonómico tamén lle trasladaron ós directivos do Club a súa disposición a estudar a posibilidade dunha axuda extraordinaria, dada a excepcionalidade da situación e o carácter singular do tráxico incendio que destruíu por completo a sede da entidade.