RIBEIRA> A asociación de Amas de Casa e o concello de Ribeira volven colaborar na organización da andaina en favor de AGAPREM que acada xa a súa quinta edición. Os fondos recadados irán destinados integramente a esta entidade que apoia ás familias de nenos prematuras de toda Galicia.
Os ribeirenses volverán ter ocasión para amosar a súa cara máis solidaria nunha nova edición da andaina en favor de AGAPREM. Sairá o domingo día 13 ás dez e media da mañá para percorrer uns cinco quilómetros ata Coroso nun itinerario moi accesible e apto para tódolos públicos.
Aínda que os participantes poden anotarse previamente contactando coas amas de casa de Ribeira, as inscricións realizaranse o mesmo día da proba antes da saída. Non hai unha cota establecida polo que o donativo é libre para todos aqueles que queiran colaborar coas familias dos grandes prematuros que a día de hoxe non contan con moitas axudas por parte das administracións.
Dende a organización animan ós ribeirenses a sumarse a esta boa causa. Agardan superar o número de participantes do pasado ano que chegou a roldar os 300.











