A ocupación de naves no viveiro de empresas do polígono de Barro, ao 100% e con lista de agarda

BARRO> O viveiro de empresas da Deputación de Pontevedra no polígono de Barro segue medrando. O goberno provincial aprobou hoxe a cesión de catro novas oficinas e outras tantas naves nestas instalacións. Ademais, decidiu prorrogar varios proxectos que se están desenvolvendo nestes momentos neste espazo. Unha ferramenta, lembran dende a Deputación, que serve para dar apoio a novos emprendedores.

O viveiro de empresas da Deputación de Pontevedra no polígono de Barro está en marcha dende o ano 2016. Dende aquela foron moitos os proxectos que atoparon aquí o lugar para nacer e medrar. Hoxe o goberno provincial aprobou a cesión de oficinas e naves a novos emprendedores.

Un xeito, explican dende a Deputación, de acompañar aos emprendedores no momento máis difícil, cando botan a andar.

E ademais, no viveiro de empresas se lle ofrece acompañamento ao longo dese camiño.

Coas novas cesións aprobadas hoxe neste viveiro de empresas de Barro a ocupación de naves como esta sitúase no 100%, coas 16 ocupadas e lista de agarda. En canto ás oficinas, aquí hai 24, a ocupación queda polo de agora no 70%.