BARRO> Un amplo dispositivo policial despregarase na provincia de Pontevedra durante o verán para protexer os milleiros de turistas e peregrinos que escollen as Rías Baixas como destino. Trátase dun despregue realizado no marco do Plan Turismo Seguro 2024-2027. Dende a Subdelegación do Goberno aseguran que un dos principais atractivos da provincia pontevedresa é a súa tranquilidade e o baixo índice de delitos.
A seguridade é outra das características que as Rías Baixas suman ao seu atractivo como destino para os turistas neste verán. Para garantila, a provincia conta cun importante dispositivo policial dirixido dende a Subdelegación do Goberno no marco do Plan Turismo Seguro 2024-2027.
O coronel Manuel Touceda apoiou estas afirmacións en datos. O ano pasado só se rexistraron seis infraccións penais no treito pontevedrés do Camiño Portugués. Ao tempo, realizáronse máis de 7.000 servizos de atención e auxilio a peregrinos, contando con ata 12.000 axentes.
Este ano, unha das novidades do dispositivo é a colaboración da Garda Nacional Republicana portuguesa. Oito axentes en xullo e nove en agosto incorporaranse a patrullar coa Garda Civil, co obxectivo de reforzar a vixilancia do Camiño Portugués.
O plan contempla tamén a posta en marcha doutros servizos. É o caso do Escuadrón de Cabalería da Garda Civil, que achegará dous cabalos para patrullar zonas de difícil acceso, e a Oficinal Móbil de Atención ao Peregrino, un vehículo equipado para atender consultas e denuncias dos camiñantes.











