RIBEIRA> O concello de Ribeira insta á Xunta a manter o compromiso de dotar ó municipio dunha residencia da terceira idade. Trala paralización do proxecto previsto nas Saíñas por tratarse dunha zona potencialmente inundable, tenden a man na busca de novos terreos que permitan albergar este servizo público tan necesario para toda a comarca.
O anuncio da paralización do proxecto da residencia de Ribeira colleu por sorpresa ó concello de Ribeira que levaba meses demandando á Xunta o pulo definitivo para contar con esta infraestrutura. Lonxe disto, a Conselleira de Política Social anunciaba a pasada semana que non se poderá construír na parcela cedida polo concello nas Saíñas ó tratarse dunha zona potencialmente inundable.
Dende o concello criticaron esta decisión posto que o proxecto contaba cos informes favorables polo que entenden que podería ser viable. Por esta razón, encargaron un informe ó departamento de Urbanismo e realizaron unha serie de consultas ante a delegación do goberno sobre os cambios normativos.
En paralelo, o concello estudará emprazamentos alternativos para, no caso de que finalmente existan criterios técnicos contrarios á actual ubicación, poidan poñer a disposición da Consellería novos terreos.











