Uns pais de Ribadumia fan garda ás portas do colexio para que a súa filla cunha enfermidade rara poida ir a clase

RIBADUMIA> Unha familia de Ribadumia loita para que a súa filla, que padece unha grave enfermidade rara, poida ir ao colexio con normalidade. A pequena ten tan só tres anos e puido comezar o curso porque, nestes casos, Educación ten que poñer ao seu servizo unha enfermeira. O caso é que agora esta sanitaria tivo que coller unha baixa e a Xunta non mandou a outra profesional. A familia sente que a súa filla está desprotexida e piden que manden canto antes outra enfermeira. A súa nai e o seu pai están a facer gardas ás portas do colexio por se a nena precisase axuda. Fano porque, din, merece unha vida normal e ser feliz.

Esta pode ser a historia duns pais coraxe, que loitan sen descanso pola súa filla. Vera ten tres anos, é a pequena de dúas irmás e padece a síndrome de Noonan. Trátase dunha enfermidade rara, unha mutación xenética que, no seu caso, tradúcese nunha miocardiopatía hipertrófica.

A enfermidade marca dende aquela a vida da pequena e dos seus pais. A maiores disto, dende que naceu ten problemas para alimentarse por mor dunha disfaxia e, dende os seis meses, comezou a sufrir síncopes.

Agora, con tres anos, Vera si puido ser escolarizada aquí, no CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia. De momento vai só un par de horas ao día e precisa de atención específica.

Co inicio do curso Educación respondeu a esta necesidade. Vera estaba atendida por unha enfermeira.

Pero a felicidade desta familia durou máis ben pouco. A enfermeira tivo que coller unha baixa e Educación, polo de agora, non mandou substituta.

Agora piden unha solución definitiva para que esta situación non teña impacto psicolóxico e social na menor ao tempo que eles poidan atender aos seus traballos sen condicionantes.   

Porque agora son os pais os que fan garda cada mañá ás portas do centro para que a súa filla poida ir ao cole.

Pero, explican, esta situación é insostible.

Agradecen o apoio do persoal do centro, pero lamentan que ninguén de Educación se puxo aínda en contacto con eles. Agora, vou solicitar unha reunión para buscar unha solución.

E mentres agardan por esa resposta, eles seguirán aquí cada mañá, as portas do cole para que a súa filla poida vivir a súa vida como calquera outro neno de tres anos.