A Xunta segue a avanzar na igualdade real para as mulleres no sector pesqueiro

VIGO> A Conselleira do Mar participou no acto de apertura da xornada sobre o papel da muller no sector pesqueiro celebrada esta tarde en Vigo. Rosa Quintana destacou as oportunidades de desenvolvemento profesional que ofrece o mar en materia de emprego feminino.

Garantir a igualdade de condicións laborais e acabar coa discriminación da muller no sector marítimo pesqueiro. Estes son os obxectivos que persegue q Xunta e que destacou a conselleira do Mar na inaguración dunha xornada sobre o papel da muller no sector celebrada en Vigo.

Durante a súa intervención, Rosa Quintana referiuse ó arduo traballo que leva realizado o goberno autonómico durante máis de vinte e cinco anos en favor da profesionalización e recoñecemento dos dereitos da muller do mar, co que conseguiu facer visible o seu papel e a importancia da súa contribución ó sector. Ademais de reforzar a presenza feminina nos órganos consultivos e decisorios, a Xunta promoveu accións para fomentar o asociacionismo feminino e o emprendemento das mulleres.

Este encontro enmárcase no Plan de Crecemento Azul da Autoridade Portuaria de Vigo no que tamén colaboran a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e o Campus do Mar en colaboración coa Autoridade Portuaria de Huelva e o Campus de Excelencia Internacional do Mar de Andalucía.

A propia estratexia de crecemento azul considera o rol das mulleres na pesca como un dos seus grandes piares posto que a súa presenza é maioritaria nos sectores marisqueiro, redeiro ou conserveiro. Contrasta pola contra o seu peso aínda escado nos cadros directivos das empresas e na pesca extractiva, ámbitos nos que a Xunta segue a traballar para lograr un avance a través dunha maior capacitación profesional en materias como a xestión empresarial ou o uso das novas tecnoloxías.