RIBEIRA> O Conselleiro do Mar visitou o Centro Tecnolóxico do Clúster de Acuicultura de Galicia para coñecer o proxecto de investigación do cultivo de salmonete de rocha. A iniciativa, que busca diversificar a produción da piscicultura galega, é froito dun convenio plurianual entre a Xunta e o CETGA.
A Consellería do Mar e o Centro Tecnolóxico do Clúster de Acuicultura de Galicia colaboran nun proxecto de investigación para o cultivo en catividade do salmonete de rocha. Alfonso Villares achegouse ata as instalacións emprazadas en Couso para coñecer máis detalles deste proxecto que ten por obxectivo sentar as bases para ampliar o catálogo de especies da piscicultura galega.
Trátase dunha especie autóctona, con escasas capturas e moi prezada polo consumidor. Ademais, as súas características biolóxicas fan posible que sexan criados en tanques de fondo plano, como os que se utilizan co rodaballo e linguado. Esta iniciativa desenvólvese no marco dun convenio plurianual entre a Xunta e o Cetga con financiamento ata 2027.