BARRO> O Concello de Barro celebra a previsión da Xunta de iniciar a nova depuradora en 2025. A EDAR figura nos orzamentos do executivo galego, cunha partida de máis de tres millóns de euros, a repartir entre o ano que vén e 2026. O goberno local destaca que este é o resultado do traballo feito dende o consistorio e que este é un gran paso para o futuro de Barro.
Hai anos que o proxecto dunha nova depuradora para Barro está enriba da mesa do alcalde. Anos de traballo, explica o rexedor,que verán os seus froitos a partir do ano que vén. A Xunta incluíu nos seus orzamentos unha partida de máis de 3 millóns de euros para 2025 e 2026.
Porque o concello hai anos que está a darlle forma a este proxecto, coa compra dos terreos ou a redacción do proxecto, algo do que normalmente non se encargan os concellos.
E cos deberes feitos, a nova depuradora comezará a coller forma o ano que vén, cunha primeira partida de medio millón de euros.
Abraldes di estar moi satisfeito con estas novas. Asegura que vai ser un antes e un despois para o municipio, o que lle permitirá seguir medrando en poboación. O rexedor tamén se amosa moi optimista co novo centro de saúde, que se atopa nestes momentos en fase adxudicación e redacción do proxecto. Indica que aínda que os orzamentos da Xunta non contan cunha partida específica para el, si hai unha global para varios ambulatorios.
E confía en que xa no 2025 liceten unha primeira fase do proxecto.











