As Rías Baixas solidarízanse coa Comunidade Valenciana co envío de efectivos, maquinaria e alimentos

O SALNÉS> A axuda non deixa de chegar ás zonas afectadas pola DINA. Parte dese apoio ten acento galego. Sobre o terreo devastado pola gota fría traballan xa efectivos de emerxencias de Vilagarcía. Están achicando auga de garaxes, buscando vítimas e limpando rúas. Nas últimas horas sumáronse a estas tarefas tamén voluntarios de Protección Civil de Cambados.

As Rías Baixas teñen tamén a mirada posta na traxedia da Comunidade Valenciana. Esta fin de semana desprazáronse ata a zona cero da devastación membros de Emerxencias de Vilagarcía. Son seis os efectivos que están a traballar alí, ás ordes da central de emerxencias da Generalitat.

A expedición vilagarciá inclúe dous coches, un quad e un remolque con bombas de achique, xeradores de electricidade ou equipos de excarcelación e iluminación.

O seu primeiro destino foi a localidade de Moncada, que tomaron como punto base, pero tamén prestaron xa o seu apoio noutros municipios, como, Paiporta, Sedaví ou Alfafar.

Alí, están atopando un regueiro de destrución, que están a recoller nestas gravacións das distintas operacións nas que traballan. 

Con bombas de achique, axudan a retirar auga de garaxes ou aparcadoiros soterrados. A prioridade, localizar vítimas. Ademais, tamén serven de apoio para a limpeza de rúas, naquelas zonas onde os traballos xa van máis avanzados.

Ao continxente vilagarciá sumouse nas últimas horas outro grupo con seis voluntarios de Protección Civil de Cambados. Partiron esta pasada madrugada cara o municipio de Alfafar en dous vehículos con maquinaria, bombas e xeradores.

Nun dos vehículos tamén levan alimentos e outros produtos recollidos nos últimos días. Porque esa é a outra parte do apoio que están a recibir os afectados pola gota fría. Non hai concello en toda a nosa contorna onde non atopemos unha iniciativa solidaria para axudar.

Ademais desa recollida en Cambados, esta fin de semana houbo campañas tamén en Meaño, Poio. Tamén dende hoxe pódese entregar material no local de Protección Civil de Pontecesures, na casa do concello da Illa, na Casa da Cultura de Moraña, no pavillón municipal de Cuntis, no novo Fogar do Maior de Caldas, na casa do concello de Barro, en varios puntos no concello de Meis e tamén en numerosos colectivos e entidades de toda a nosa contorna. Tamén en distintos establecementos e empresas. É o caso de Fundiciones Rey, en Vilagarcía, a onde corresponden estas gravacións. Alí están a  recoller produtos de todo tipo, agás roupa, para enviar en camións a partir deste mércores.

Ademais, en concellos como o de Vilagarcía, seguindo as indicacións da Federación Española de Municipios e Provincias, recomendan facer doazóns económicas, polos problemas de loxística á hora de facer a entrega dos recursos, a través das contas habilitadas pola Cruz Vermella, Cáritas ou a propia Generalitat Valenciana. Precisamente, nesta última conta o goberno vilagarcián aprobou hoxe ingresar 20.000 euros en nome de toda a veciñanza da cidade.