Máis de 5 millóns de euros para poñer fin ás verteduras ao mar da depuradora de Tragove

CAMBADOS> A renovación da depuradora de Tragove permitirá case duplicar o caudal de tratamento das augas residuais dos concellos de Cambados e de Vilanova. O proxecto saíu hoxe a licitación por 5,3 millóns de euros. Esta mañá visitaron as actuais instalacións a Conselleira de Infraestruturas e o alcalde cambadés. Ambos salientan que a actuación permitirá poñer fin aos problemas de verteduras ao mar que se veñen rexistrando dende hai tempo.

A renovación na depuradora de Tragove inicia unha nova etapa. O proxecto saiu hoxe a licitación, co obxectivo de adxudica-los traballos a mediados deste ano e que a renovada planta poida entrar en funcionamento no primeiro semestre de 2023. A actuación conta cun orzamento de 5,3 millóns de euros da Xunta. Esta mañá, visitaba as obsoletas instalacións sobre as que se vai actuar a Conselleira de Infraestruturas.

A reforma suporá non só a ampliación da capacidade de tratamento, senón que tamén a renovación de tódolos equipamentos tecnolóxicos xa obsoletos. Busca tamén un maior rendemento enerxético, converténdose nunha planta, di Ethel Vázquez, “case intelixente”.

A planta, que xestiona as augas residuais de Cambados e boa parte de Vilanova, arrastraba problemas dende hai tempo, con episodios de verteduras contaminantes ao mar.

Ademais destas obras, a Xunta ten en marcha outro proxecto de mellora da rede de colectores de Cambados e Vilanova para eliminar verteduras. No caso de Cambados, a actuación atópase en fase de tramitación municipal, mentres que en Vilanova están pendentes da autorización de Costas do Estado.  En conxunto, o investimento rolda 6 millóns de euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí