BOIRO> A comarca do Barbanza solidarizouse tamén cos afectados pola DANA con numerosas recollidas de alimentos, produtos de hixiene e donativos. O concello de Boiro enviou ademais tres voluntarios de Protección Civil con material para colaborar nas tarefas de limpeza e desescombro.
Toda axuda é pouca para colaborar cos damnificados polas inundacións. Así o entenderon os concellos do Barbanza que están a organizarse para enviar apoio ás localidades máis afectadas. No concello de Boiro, tres voluntarios de Protección Civil partían esta mañá cara Valencia dotados con diversos equipamentos para colaborar cos labores de limpeza.
Tamén se instalou na recepción da casa consistorial un punto de recollida de alimentos non perecedoiros e produtos de limpeza e hixiene ó que os veciños se poden achegar en horario de mañá para depositar as súas doazóns. En horario de tarde, o punto de recollida será o centro social.
Ademais da resposta das administracións públicas, son moitas as fundacións e ONGs que se implicaron na causa. É o caso de Pegasus que conseguiu encher dous trailers nunha soa xornada de recollida en Ribeira. A entidade recadou tamén preto de 17 mil euros para axudar os milleiros de afectados por este catástrofe natural sen precedentes en España.











