MEIS> As adegas de Rías Baixas prepáranse xa para a campaña de Nadal. Fano con boas expectativas, aínda co bo sabor de boca dunha vendima que foi boa. É o caso da Adega Pazo Señoráns, en Meis. A uva entrou con moi boa calidade e cun estado sanitario excelente. E todo, a pesar dunha campaña revolta, en especial, polas abondosas precipitacións.
As follas comezan a caer nestes viñedos da adega Pazo Señoráns, no concello de Meis. Estamos nun momento de relativa calma, xusto antes de iniciar a poda e aínda coa resaca da vendima. Na Denominación de Orixe Rías Baixas recolléronse este ano algo máis de 42 millóns de quilos de uva. Unha cantidade lixeiramente inferior á campaña anterior, pero máis que positiva dende o punto de vista da calidade.
Nesta adega elaboran de xeito habitual catro albariños: Xoven, Colección, Selección de Anada e Tralos Muros. Polo de agora, a súa xerente non se aventura a describir como pode ser o viño desta anada de 2024, aínda que ten algunha intuición.
Esta adega, que mantén aínda o seu espírito familiar, ten 21 hectáreas e media propias. Ademais, traballa con moitos pequenos viticultores da zona, ata sumar outra 33 hectáreas.
A xerente de Pazo Señoráns salienta a importancia para a economía local de adegas como a súa. Máis alá do equilibrio medioambiental que se consegue con proxectos deste tamaño, pon en valor a implicación dos viticultores de proximidade.
A adega está xa preparada para este Nadal, un dos momentos do ano máis importantes en canto a vendas . Nos últimos anos están observando un comportamento peculiar que, así e todo, non supón unha mingua no seu negocio.
O principal mercado de Pazo Señoráns é España. Con todo, o 40% da súa produción destínase ao mercado internacional, destacando a súa presenza no Reino Unido ou Os Estados Unidos.











