O concello non pon data á retirada dos pivotes da rúa Peregrina

PONTEVEDRA> Non hai data para a retirada dos bolardos instalados polo concello de Pontevedra na rúa Peregrina. Dende o goberno local apuntan ao éxito da medida, que supuxo, din, unha redución importante no tráfico das rúas da contorna. A pesares de que o balance é positivo, recoñecen que aínda hai condutores despistados que intentan pasar entre eles.

Mes e medio despois de que o concello de Pontevedra decidira a súa instalación, os pivotes da rúa Peregrina están a conseguir o obxectivo que buscaba o goberno local.

Así as cousas, dende o concello recoñecen que aínda hai condutores despistados que non saben da existencia destes pivotes e pretenden seguir empregando este traxecto como atallo.

Mesmo esta fin de semana intentou pasar entre os pivotes un vehículo da Policía Nacional.O momento foi fotografado polos veciños, que trasladaron as imaxes ao concello.

A intención do goberno local é manter estes pivotes. Segundo adiantou César Mosquera, non hai data para a súa retirada.

Recordemos que a instalación destes elementos estivo rodeada de polémica. Tanto os partidos da oposición, PP e PSOE, como os sindicatos policiais, manifestáronse na súa contra.