SANXENXO> Unha vintena de novos profesionais do sector da hostalería xa están listos para entrar no mercado laboral. Hoxe a Mancomunidade do Salnés despediu unha nova edición do seu obradoiro de hostalería, que acadou xa as 15 edicións. Unha iniciativa que ten demostrado o seu éxito co paso do tempo e para a que a Xunta de Galicia destinou 580.000 euros.
A Mancomunidade do Salnés despediu hoxe unha nova edición do seu Obradoiro de Hostalería. As súas instalacións acolleron o acto de clausura da décimo quinta promoción desta acción, que ten demostrado o seu éxito á hora de abrir novas oportunidades no mercado laboral.
Grazas a esta iniciativa, unha vintena de profesionais están preparados para atopar traballo no sector hostaleiro. Formáronse durante un ano accedendo a un completo itinerario formativo, con accións específicas relacionadas coa coctalería, o corte de xamón ou a cata e maridaxe de cervexas.
Con este obradoiro, a Mancomunidade busca dar resposta ás necesidades dun sector moi importante no Salnés e que continúa a demandar persoal especializado.
Dende a súa primeira edición no ano 2005, foron preto de 550 as persoas que participaron neste obradoiro. Unha actividade que xa ten confirmada a décimo sexta convocatoria, que comezará no mes de decembro deste 2024.










