A Denominación de Orixe Rías Baixas exportou menos pero a maior prezo que no exercicio pasado

PONTEVEDRA> Balance agridoce das exportacións da Denominación de Orixe Rías Baixas: vendeuse menos pero a máis prezo no último exercicio. O volume de vendas caeu en algo máis dun 3%, ata os 7,8 millóns de litros, pero o valor medrou por riba do 4%, ata acadar os 62 millóns de euros. Estados Unidos e Reino Unido repiten como os principais mercados no estranxeiro para os viños de Rías Baixas.

A Denominación de Orixe Rías Baixas exportou menos viño que no anterior exercicio pero fíxoo a un prezo máis elevado. En concreto, o volume caeu nun 3,8% pero o valor medrou ata un 4,3, superando os 62 millóns de euros.

É o segundo ano consecutivo que se dá esta tendencia, que o Consello Regulador explica por mor da contracción do consumo do viño a nivel mundial.

O que medra é o número de adegas que apostan por exportar, dende as 108 ata as 115. Neste exercicio 2023-2024 venderon 10 millóns 400 mil botellas a máis de 80 países, principalmente do continente americano. Estados Unidos encabeza a listaxe de países importadores, seguido de Reino Unido, Irlanda, Porto Rico e México.

Os cambios de hábitos no consumo, a situación xeopolítica marcada por conflitos como a invasión rusa de Ucraína, a crise económica que afecta a China e Xapón, o feito de que a xente nova non beba viño ou as campañas sanitarias contra o alcohol, son algunhas das cuestións que, segundo o Consello Regulador, están detrás desta baixada no consumo de viño a nivel mundial.

Estados Unidos, maior importador

Estados Unidos volve liderar o ranking de países importadores dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Un mercado que ademais medrou en volume e en valor. Vendéronse máis de 2,8 millóns de litros e é o favorito das adegas desta DO: ata 88 exportan a este país. Por iso o Consello Regulador non agocha a súa preocupación pola vitoria de Donald Trump e o seu regreso á presidencia dos Estados Unidos.