Investigadores do CIMA estudan como frear o desprendemento do mexillón das cordas das bateas

VILANOVA> Un estudo do CIMA, o Centro de Investigacións Mariñas situado en Vilanova, busca frear o desprendemento dos mexillóns das cordas das bateas. A investigación ten nestes momentos mexillóns de iguais características en dúas zonas da ría de Arousa. A partir de aí estanse a facer comparativas entre como vai mudando o viso, o órgano de fixación do mexillón, así como as diferencias anatómicas que se xeran expoñendo o bivalvo a diferentes condicións mariñas.

A ría de Arousa é a principal área bateeira de Galicia. Neste escenario o CIMA, o Centro de Investigacións Mariñas, está a desenvolver un estudo que busca determinar as causas e atopar solucións para o desprendemento do mexillón das cordas da batea.

O estudo ten nestes momentos mexillóns irmáns, polo tanto características xenéticas practicamente idénticas, instalados en dúas bateas que están sometidas a diferentes condicións mariñas.

E a partir de aí, os investigadores fan análises das proteínas que se xeran en cada unha destas zonas no viso, o órgano de fixación do mexillón, así como nas diferenzas anatómicas que se xeran en función da batea tanto no viso como na cuncha. Entre as variables que se barallan, afectacións provocadas pola cambio climático.

Unha vez teñan enriba da mesa unha diagnose, tentarán achegar ao sector solucións para reducir os desprendementos.

Os investigadores do CIMA, ademais, séntense arroupados polo sector, que dende hai tempo vén amosando a súa preocupación por este fenómeno. O estudo ten un prazo de catro anos. Estará rematado no 2027.