Sen rede de abastecemento de auga e sen saneamento

POBRA> O principal problema que afrontan os veciños das Carrouchas, na Pobra, é a falla de abastecemento de auga que se agravou especialmente este verán por mor da seca.

Leoncio, ó igual có resto de veciños das sete vivendas da aldea, realiza este percorrido varias veces ó día. Non lle queda máis remedio que acudir a este manancial para abastecerse de auga potable e transportala despois ata a súa vivenda para poder realizar as tarefas cotiás.

Fartos xa desta situación que como din se veu agravando cos anos, os veciños recorreron en repetidas ocasións ó concello para demandar a conexión das vivendas á rede xeral de abastecemento.

Ata agora, din, non recibiron contestación algunha polo que se senten discriminados con respecto ó resto da poboación a pesar de que pagan os mesmo impostos que calquera cidadán.

Ademais dos problemas coa auga, as vivendas carecen tamén de saneamento, servizo que tamén levan anos reclamando sen resposta.

Dende o PP fixéronse eco destas queixas veciñais e volverán instar ó executivo a dotar de servizos básicos a este núcleo. Os populares lembran que a principios de 2019 o pleno aprobou por unanimidade unha moción presentada polo PSOE para acometer a rede de abastecemento de auga, sen que se teña executado ata o momento.

Os populares reclaman unha actuación urxente para o abastecemento da auga, posto que precisaría dun investimento mínimo.

Con respecto ó saneamento piden que se redacte un proxecto e se habilita o financiamento necesario para acometelo a medio prazo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí