Un convenio con FamilySearch permite a Ribeira avanzar na dixitalización do arquivo municipal

RIBEIRA> O concello de Ribeira avanza na dixitalización do seu arquivo grazas a un convenio con Family Search. O acordo permitirá catalogar de xeito dixital miles de documentos relacionados sobre todo con licenzas de enterramentos ou rexistros de defunción para facilitar o acceso á árbore xenealóxica dos ribeirenses.

O concello de Ribeira continúa co proceso de dixitalización do seu arquivo municipal. Desta volta, farao a través dun convenio coa Fundación FamilySearch que catalogará miles de documentos.

Este proxecto dá continuidade ás distintas fases de dixitalización do arquivo acometidas en colaboración coa empresa Unayta.

Unha vez finalizado o proxecto e compartidos os fondos na base de datos Galiciana, o concello habilitará tamén un apartado específico na web municipal para facilitar o acceso a toda a documentación.