O CIMA e as confrarías investigan sobre o marisqueo e a súa integración nos ecosistemas

VILANOVA> Afondar no punto de vista do marisqueo como unha actividade integrada no ecosistema. É o obxectivo do proxecto Ecosistémica24, unha investigación que está a levar a cabo o centro de Investigacións Mariñas, de Vilanova, coa Federación Galega de Confrarías. Un traballo transversal que demostra a ligazón entre o marisqueo e a súa contorna.

O Centro de Investigacións Mariñas e a Federación Galega de Confrarías van da man nun novo proxecto. Trátase da investigación Ecosistémica24, que busca afondar no punto de vista do marisqueo como unha actividade integrada no ecosistema.

Esta nova acción estará financiada por Redemar, a rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos galegos creada pola Xunta no 2022. Contempla sete liñas de actuación, que abarcan a bioloxía pesqueira, as patoloxías mediante o seguimento do estado de saúde das poboacións e a bioloxía reprodutiva, estudando os ciclos reprodutores, tamaño de primeira maduración e estimación da fecundidade.

O estudo das especies acompañantes é outra das liñas de investigación. Faise co obxectivo de facilitar o seu seguimento así como da biodiversidade en substratos duros e as características da costa.

Tamén trata as fontes de información coa finalidade de harmonizar e manter as bases de datos, aborda a transferencia de metodoloxías e ferramentas ao persoal técnico das confrarías e da administración.

Este Ecosistémica24 vén continuar algunhas das liñas de investigación nas que traballa o CIMA dende hai anos. O proxecto estará vixente ata o ano 2026.