Detidos dous pobrenses por estafar a máis de 20 afectados usurpando a súa identidade

A POBRA> Detida unha parella na Pobra por múltiples delitos de usurpación de identidade e estafa. A través de enganos ou furtos obtiñan documentación persoal das súas vítimas para contratar servizos de telecomunicacións. Hai máis de 20 afectados en toda España.

A Garda Civil de Boiro detivo a dous pobrenses, un home e unha muller, acusados de múltiples delitos de usurpación de identidade e estafa. A investigación, enmarcada na operación Barvases, iniciouse a raíz de varias denuncias de cidadáns que reportaban a usurpación da súa identidade para a contratación fraudulenta de servizos de telecomunicación con diferentes compañías.

As vítimas detectaron cargos bancarios indebidos por estes servizos e, algunhas mesmo chegaron a ser incluídas en rexistros de morosidade ante as débedas xeradas por estes contratos. Os investigadores constataron que as direccións de instalación e entrega dos dispositivos asociados a estes contratos se localizaban na comarca do Barbanza, especialmente na Pobra.

Os detidos facíanse coas datos persoais e documentación dos afectados a través de enganos ou furtos que posteriormente utilizaron para contratar ata medio cento de liñas telefónicas ou servizos de internet e televisión. Identificáronse máis dunha vintena de afectados, non só do Barbanza, senón tamén residentes noutras provincias de fóra de Galicia.

Aínda que os dous detidos xa pasaron a disposición xudicial, a operación segue aberta e non se descarta a aparición de novas vítimas. Para evitar ser vítima deste tipo de estafas, a Garda Civil fai unha serie de recomendacións de seguridade. Alertan dos riscos de compartir fotografías do DNI con terceiros polo que, en caso de ser necesario, aconsellan enviar o documento en branco e negro, non a cor, e ocultar ou pixelar datos sensibles como o rostro, a firma ou a data de validez.