VILAGARCÍA> O goberno central garantirá a seguridade dos bateeiros durante a extracción da mexilla. Esta mañá asinouse en Vilagarcía unha instrución de servizo que vai regular esta actividade que, ata o de agora, se estaba a levar a cabo en precario por falta dunha norma axeitada. A nova regulación permitirá aos bateeiros regularizar as súas embarcacións para navegar fóra das augas abrigadas. Deste xeito ponse fin a unha vella reivindicación do sector.
Trátase dun día histórico para o sector mexilloeiro, que ve cumprida unha das súas vellas reivindicacións. A partir de agora a súa seguridade está garantida durante a recolección da mexilla na costa. O director xeral da Marina Mercante asinou hoxe en Vilagarcía unha Instrución de Servizo pola que se regula esta actividade, que ata o de agora se levaba a cabo en precario.
Coa nova instrucción os bateeiros poderán regularizar as súas embarcacións para navegar fóra das augas abrigadas, que é onde se atopa a mexilla. Cada un deles contará cun despacho, un documento administrativo que lles permite operar na costa, aínda que as súas embarcacións formen parte dunha clase que só pode traballar dentro das rías.
O director xeral da Marina Mercante aproveitou para poñer en valor o entendemento entre administracións e sector para resolver esta demanda.
Mostra desa boa sintonía, na sinatura desta mañá participaron, ademais do director xeral da Marina Mercante, a directora xeral do Instituto Social da Marina, a directora territorial da Consellería do Mar en Vigo e o presidente de OPMEGA.











