PONTEVEDRA> Concello de Pontevedra e Augas de Galicia traballarán de xeito conxunto na procura de solucións ás inundacións da rúa Fernando Olmedo. Para o goberno local, a mellor opción sería a creación dunha zona inundable en Valdecorvos. Un espazo que puidera reter auga só nas coincidencias de fortes precipitacións coa preamar. Segundo os cálculos iniciais, debería reter máis de 7.000 metros cúbicos.
Atopar unha solución que permita paliar as inundacións que se producen na rúa Fernando Olmedo, en Pontevedra, cando coinciden as precipitacións intensas coa preamar. É o obxectivo no que traballarán da man o concello e Augas de Galicia.
Para Mosquera, a proposta máis axeitada pasaría por crear un espazo inundable na zona verde de Valdecorvos. Unha especie de encoro que permitiría almacenar auga durante a preamar, cunha capacidade aproximada de 7.500 metros cúbicos.
Segundo os cálculos iniciais, esta obra tería un custo aproximado de 2 millóns de euros. Así as cousas, para o goberno local esta actuación debería complementarse coa creación dun espazo de contención de auga na zona verde ao carón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
A proposta que quedaría practicamente descartada sería a de baixar unha nova tubaxe pola rúa José Malvar.









